A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inicia unha nova campaña este curso baixo o lema "Tirar abaixo a LOMCE. Boicotear as reválidas". O ano pasado cifraron o apoio ao bloqueo nun 80% mentres que a Xunta o rebaixou ao 40%.

"Tirar abaixo a LOMCE. Boicotear as reválidas". Ese é o lema da campaña que impulsa a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra as probas que se realizarán este mes en 3º e 6º de Primaria e 4º da ESO no ensino galego, as coñecidas como reválidas. Animan así a darlle continuidade ao boicot de cursos anteriores e á loita contra a LOMCE e o que consideran "o control político neoliberal da educación". O pasado curso cifraron nun 80% o seguimento a esta campaña nos centros nos que se realizaron as probas.


Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentaron este luns a campaña de boicot contra as denominadas oficialmente como “avaliacións individuais e finais” impostas unilateralmente polo Partido Popular na LOMCE.

Desde a Plataforma incidiuse en que "foi a loita e a resposta social contra a LOMCE durante estes últimos cinco anos as que provocaron que a dereita dera marcha atrás na consolidación do carácter académico e vinculante das reválidas para a titulación". Sen embargo, alertaron de que "esa marcha atrás non é definitiva" e que "é preciso seguir mobilizándose para botar abaixo a LOMCE e, en particular, estas reválidas".

A publicación no DOG das ordes que regulan as reválidas coincide este curso coa aplicación das probas PISA nun número indeterminado de centros escolares galegos que, como no caso das probas externas de 6º de Primaria e 4º da ESO, "a Consellaría ocúltalle á comunidade educativa, como unha mostra máis do escurantismo e a falta de transparencia coa que actúa o Goberno galego", censuran desde a plataforma.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, incidiu que “ambas probas, PISA e reválidas, responden ao mesmo interese de introducir elementos de control académico e curricular por parte dos gobernos que obedecen fielmente os mandatos de organizacións sen control democrático como a OCDE e os grandes lobbys editoriais e do mundo das empresas privadas do ámbito educativo”.

As probas externas aos centros, impostas pola LOMCE, implican –en palabras de Bermello– “unha subordinación dos contidos curriculares a eses intereses, xerarquizando as diferentes materias e introducindo elementos de tensión innecesaria no alumnado. Supoñen, ao tempo, un desprezo absoluto ao profesorado, despoxado do seu papel central no proceso de ensino-aprendizaxe e sometido a un control que busca eliminar ou restrinxir ao máximo a liberdade de cátedra e a autonomía tanto do profesorado individualmente como dos propios centros educativos”.

"O papel que os gobernos español e galego queren asignarlle ao profesorado, coa introdución de elementos de control propios da empresa privada como a estandarización dos currículos e as probas externas, é a de simple correa de transmisión dun modelo educativo alleo á realidade social e cultural do alumnado", denuncian desde a Plataforma Galega, que fai unha "defensa a ultranza da avaliación continua fronte ao modelo neoliberal, xerarquizante e clasista da LOMCE" e defende tamén unha "educación integral na que non existan materias de primeiro e segundo nivel e onde o alumnado, especialmente aquel con necesidades específicas de apoio educativo, non sexa segregado nin estandarizado".

Suso Bermello fixo especial fincapé no éxito das campañas de boicot nos últimos cursos, chegando a que máis do 80% das familias non enviasen os seus fillos e fillas aos centros nos días nos que se desenvolveron as probas de Primaria e conseguindo finalmente que a proba de 4º da ESO non tivese valor académico. 

En representación das ANPAS, Xosé Bustelo informou da intención das asociacións de nais e pais de oporse de novo ás reválidas e solicitou un esforzo das familias para facer fronte aos problemas de conciliación laboral e familiar e non enviar os seus fillos aos centros.

A reválida en 3º de primaria, fixada para os días  23 e 24 de maio, terá carácter censual polo que estaría chamado a facelo todo o estudando deste nivel. No caso das avaliacións finais de Primaria e a ESO, nos días 29 e 30 de maio, terán un carácter mostral e neste momento descoñécese o número de centros propostos así como os supostos criterios para seleccionalos, exactamente igual que coas probas PISA.

CRÍTICAS Á CONSELLERÍA

A loita contra as reválidas nestes cursos pasados causou como reacción o que a Plataforma considera "un auténtico exercicio de cinismo por parte de Consellería de Educación, que se preocupou de tentar desmobilizar as familias restándolle importancia a estas reválidas, incidindo no feito de que non teñen valor académico".

BOICOT“Non hai mellor maneira de negar a súa relevancia que anulándoas por completo”, afirmou o portavoz da Plataforma Galega, Suso Bermello. En todo caso, consideran que a estratexia do Goberno galego responde "ao ditado do PP desde Madrid de manter un perfil baixo ao respecto da LOMCE". Así cren que "se evidenciou na fraude que supuxo a Subcomisión do Congreso para un Pacto pola Educación coa que o PP, coa colaboración de Ciudadanos, foi quen de manter inoperante a unha oposición política que só despois de ano e medio asumiu a parálise e a estafa desa negociación que denunciou desde o principio a Plataforma Galega".

Para a Plataforma Galega, "só o seguidismo cego e sen fisuras que a Consellería practica coas ordes que lle chegan da rúa Génova [sede do PP en Madrid] permite entender que se sigan a dilapidar cartos públicos na realización dunhas probas que non teñen ningún percorrido nin resultado de relevancia, ao tempo que os problemas que acusa a educación no noso país seguen lastrando toda posíbel recuperación, tanto no número de profesorado e na resposta ás súas demandas como na redución das rateos ou a mellora da atención á diversidade".
A Plataforma Galega defende así a necesidade de avaliar o funcionamento do propio sistema educativo en base ao diñeiro e recursos destinados á educación no marco dos orzamentos da Xunta, aos cadros de persoal co que dota os centros públicos, aos profesionais destinados á atención a diversidade, á obriga de impartir materias afíns, ao agrupamento de alumnado de diferentes idades, á política de axudas para libros de texto e de material escolar, á xestión do transporte escolar ou ao pago polo uso do comedor escolar.

GUERRA DE CIFRAS

Como aconteceun o pasado ano, agárdase outra guerra de cifras entre a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e a Xunta de Galicia no seguimento do boicot ás reválidas.

Escribir un comentario


Código de seguridad
Refescar